Sunday 05 de May de 2024

O Pleno da Coruña aproba por unanimidade a creación da sociedade pública que xestionará a Cidade das TIC


Tamén se aprobou, sen votos en contra, o modificativo de crédito que permitía a achega municipal de 336.000 euros ao órgano xestor compartido coa UDC, o 51% do capital correspondente

O voceiro do Goberno anunciou que a alcaldesa xa asinou o convenio co MITMA que permitirá a transferencia de 9 millóns de euros para o financiamento da estación Intermodal

Aprobado, de forma definitiva e por unanimidade, o estudo de detalle para a ampliación de dez novos volumes edificatorios na parcela da empresa Showa Denko no polígono de Agrela

O pleno do Concello aprobou esta mañá por unanimidade o inicio do procedemento para a creación da sociedade pública que xestionará a Cidade das TIC entre Concello e Universidade da Coruña. O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, destacou que a Cidade das TIC sempre foi un proxecto estratéxico para o Goberno de Inés Rey: “É un asunto primordial non só para o Goberno senón para toda a cidade ”.

De acordo coa posta en marcha da sociedade pública xestora da Cidade das TIC, o Concello da Coruña aprobou un modificativo de crédito por valor de 3,5 millóns de euros para diversos investimentos, entre os que se recolle a consignación de crédito do capital necesario para a creación de dita sociedade. O Concello da Coruña achega así un total de 336.600 euros, capital correspondente ao 51% das accións representativas da sociedade copartida coa UDC.

Outro dos investimentos destacados no modificativo de crédito correspóndese coa achega de 773.095 euros para o financiamento das obras da estación Intermodal, que inclúen a execución da terminal de autobuses, aparcadoiros, xunto con elementos comúns da intermodalidade. O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, anunciou que a alcaldesa xa asinou o convenio co MITMA para a transferencia de 9 millóns de euros para o financiamento da estación Intermodal: “Quero dar a coñecer a sinatura, por parte da nosa alcaldesa, do convenio co Ministerio de Transportes para que o Concello reciba 9 millóns de euros para financiar a estación Intermodal que tivo o pulo que se necesitaba baixo o primeiro mandato de Inés Rey”.

Tamén se recolle o financiamento do Concello aos proxectos do servizo de extinción de incendios co obxectivo de acometer distintas melloras. O concello achega así o 10% que completa o 90% financiado coas contribucións especiais a cargo da xestora de concertos. O modificativo, aprobado sen votos en contra, permitirá facer fronte tamén a outros gastos necesarios como consumos enerxéticos e persoal.

Aprobación definitiva do estudo detalle de Showa Denko

Tamén se levou a cabo a aprobación definitiva do estudo detalle para a ordenación de dez novos volumes edificatorios na parcela que a empresa Showa Denko ten no polígono de Agrela. O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, explicou que o Goberno local xa aprobara de forma inicial este estudo detalle no mes de xullo de 2022. “A longa tramitación debeuse á necesidade de que a empresa mercara unha parcela propiedade do Ministerio de Defensa e a obter o informe favorable para a súa aprobación definitiva”, indicou. Estas dez novas edificacións engadiranse ás 34 xa existentes en terreos da empresa.

Modificación das ordenanzas fiscais municipais

O Pleno municipal aprobou esta mañá a actualización de 29 ordenanzas fiscais municipais de cara ao exercicio 2024.

As tarifas recollidas en gran parte das ordenanzas non foran actualizadas, na maioría dos casos, desde o ano 2013, con algunha que non varía desde 2009. Desde o ano 2013, o Índice de Prezos ao Consumidor (IPC) tivo un incremento acumulado do 21,6%, o que leva aparellado un maior custo dos servizos, e que se sitúa sete veces por riba da actualización do 3% ratificada esta mañá na sesión plenaria.

Imposto sobre bens e inmobles (IBI) e recarga a vivendas baleiras

A modificación da ordenaza fiscal reguladora do imposto sobre bens e inmobles (IBI) contempla unha baixa da cota tributaria exenta para os bens inmobles de natureza rústica, que pasa a ser de 6 euros. Esta non será exenta no caso de que a cota sexa resultado da división de cotas entre distintos titulares dun mesmo inmoble, posto que superaría a cota tributaria marcada.

Tamén se recolle unha nova redacción do apartado referente ao recargo das vivendas desocupadas, que será dun 50% para os inmobles que permanezan desocupados nun prazo superior a dous anos e pertenzan a titulares con catro ou mais inmobles de uso residencial. Esta modificación ten como obxectivo mobilizar o parque de vivendas baleiras na cidade.

A modificación da ordenanza reguladora do IBI tamén conta cun axuste do 3%, o que supón deixar o tipo impositivo no 0,618, tanto en rústica como en urbana. Deste xeito, A Coruña continúa sendo a terceira cidade de Galicia co tipo impositivo de natureza urbana máis baixo, por debaixo de Ferrol (0,63), Pontevedra (0,64), Lugo (0,67) e Vigo (0,91).